PRESENTACIÓN

1er CONGRESO INTERNACIONAL SOBRE TURISMO E PEREGRINACIÓNS DA OMT

17- 20 de setembro de 2014, Santiago, España

 

O primeiro congreso internacional sobre turismo e peregrinacións, froito da colaboración conxunta da Organización Mundial do Turismo, a Secretaría de Estado de Turismo de España e a Xunta de Galicia, ten os seguintes obxectivos:

a) poñer de relevo a importancia para o turismo do legado histórico e cultural das peregrinacións, tanto das súas vertentes relixiosas e seculares como das rutas espirituais;

b) discutir o papel do turismo nas políticas e estratexias para a salvagarda da identidade cultural e a xestión do patrimonio ao longo dos camiños e as rutas, e, polo tanto,

c) salientar a contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sustentable e responsable do turismo, así como a achega do turismo ao entendemento internacional.

O seu programa desenvolverá diversos aspectos vinculados aos lugares sacros. A peregrinación de crentes provenientes de diversas confesións pode impulsar o turismo internacional e, xa que logo, o desenvolvemento local, como se constatou nas últimas décadas.

Entre as claves para peregrinar e exercer o turismo espiritual están a vivencia popular da devoción e a procura da autorrealización persoal. O congreso contemplará a perspectiva dos centros de peregrinación na identificación dos factores motivacionais que xeran a demanda.

Como en 2014 se celebra o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, haberá unha sesión monográfica sobre franciscanismo, coa presenza de varios centros de peregrinación ligados á memoria deste santo.

Turistas e peregrinos séntense atraídos polo legado cultural e histórico presente nas rutas de peregrinación e os sitios sacros.

Os lugares de culto e os santuarios atraen cada vez máis persoas, e non só aos crentes, reforzando o papel do turismo e da conservación do patrimonio histórico e da identidade cultural na era da globalización.

De igual modo o Congreso ocuparase do medio ambiente como elemento moi presente no turismo ligado ás rutas de peregrinación. Os camiños utilizados outrora pola poboación local e peregrinos, e agora tamén por numerosos peregrinos e turistas, transcorren por espazos naturais moi diversos que forman a miúdo paisaxes culturais ateigadas de valores espirituais e simbólicos.

O aspecto de turismo sustentable é outro dos ámbitos do Congreso. O turismo e a peregrinación son actividades humanas cada vez máis complexas, cuxo futuro depende de lograr equilibrios entre as tradicións e as necesidades de anfitrións e visitantes. Os camiños de peregrinación e os espazos sacros presentan retos particulares no ámbito de políticas, estratexias de desenvolvemento, xestión de recursos, capacidade de carga e conservación do patrimonio. Nesta sesión analizaranse as estratexias e etapas de creación e comercialización de produtos relativos ao turismo de peregrinacións.